9 de xuño de 2009
![]() As cousas xa comezaran moi ben para Yeray Picallo o sábado, cun meritorio título sub 23 na cita longa do C-1. Onte, o eumés estaba en disposición de repetir a xesta nos 500 metros e lograr así un dobrete histórico para o club de Ferrolterra e non deixou escapar a súa oportunidade. Como xa sucedera na primeira xornada, Picallo cruzou a liña de meta por detrás de José Luis Bouza, José Manuel Sánchez e David Cal, sendo o mellor de todos os sub 23 en liza, o que lle deu o título na categoría. A maiores, a Federación Española de Piragüismo dispuxo tamén nesta cita varios controis para determinar as embarcacións que, en distintas categorías, representarán a España no Campionato de Europa Senior. Yeray Picallo, xunto con André Oliveira, do Náutico Pontecesures, conformaron un brilante C-2 que cruzou en primeiro lugar a liña de meta na proba de 500 metros, por diante de Maquieira e Fernández e do tándem composto por Sánchez e Campos. Esta vitoria concédelles, por méritos propios, unha praza para defender as cores do combinado nacional na cita continental senior, que se desenvolverá do 25 ao 28 de xuño na localidade alemá de Brandenburgo. A Yeray Picallo e ao seu compañeiro, que se atopan nun magnífico estado de forma, ábreselles así as portas para, a maiores, loitar entón por acceder ao Mundial que en xullo terá lugar en augas canadenses. |






